Sunday 12 de May de 2024

Un total de 45 veciños e veciñas de Frades participan na primeira etapa do Camiño de Santiago “Vía da Prata”, entre Xinzo e Allariz


A segunda etapa, entre Allariz e Ourense, terá lugar o sábado 30 de novembro

Un total de 45 veciños e veciñas de Frades participaron na primeira etapa do Camiño de Santiago “Vía da Prata”, celebrada este sábado e convocada polo Concello de Frades. A expedición fradense cubriu os 20,7 quilómetros que separan Xinzo de Limia e Allaríz, guiados por técnicos da empresa Vagalume.

Con esta andaina, os veciños e veciñas de Frades afrontan a súa cuarta Ruta Xacobea, despois de ter cuberto o Camiño Francés, o Camiño de Fisterra e o Camiño de Muxía. Os 131,9 quilómetros do Camiño da Prata serán afrontados en sete etapas, que terán lugar os sábados nos que a climatoloxía o permita.

Así, a próxima cita será o sábado 30 de novembro, con saída ás 7:00 horas da casa consistorial. As persoas que o desexen poderán afrontar os 22,4 quilómetros que separan Allariz e Ourense. O prezo será de 10 euros por persoa (non inclúe xantar) e as inscricións poden formalizarse no Concello de Frades, no 981 695 567 ou no 981 695 663.